Calendario Actuacións

Agosto 2020 Setembro 2020 Outubro 2020
Mo Tu We Th Fr Sa Su
Week 36 1 2 3 4 5 6
Week 37 7 8 9 10 11 12 13
Week 38 14 15 16 17 18 19 20
Week 39 21 22 23 24 25 26 27
Week 40 28 29 30

Colaboran

 

 

Síguenos en

Domingo, 04 Decembro 2011 01:00

I Concurso de Dúos de Gaita - Percusión para menores de 18 anos

Nota de prensa

 

I Concurso Duos Gaita - Percusion

O dúo "Foidesta", formado polos irmáns Santi e Laura López Suárez -de 15 e 17 anos-, gañou a primeira edición do Concurso de Gaita e Percusión para menores de idade, convocado polo "Toxos e Froles". Os rapaces forman parte da Asociación Cultural "Os Xeitosos", de Trazo (na provincia da Coruña), e interpretaron o "Alalá de Monterrei" e a "Jota de Recadadores". Impuxéronse a outras seis parellas, chegadas dende Xinzo de Limia, Lugo, Melide e Fene, nunha final moi competida e logo dunha "tensa e dura deliberación", segundo o portavoz do xurado. Os irmáns López Suárez levan uns oito anos na música tradicional, e onte participaban nun concurso de gaita e percusión por segunda vez na súa vida. Moi aplaudidos polo público cando se soubo o veredicto, conseguiron vencer os nervos, e amosábanse "moi ilusionados" polo resultado. Tamén subliñaron a categoría dos seus compañeiros, nunha proba "de moitísimo nivel".

 

O Toxos convocou este concurso, dotado con 600 euros, para dar a coñecer ós rapaces que estudan nas escolas de música e baile tradicional, futuros referentes do folk galego, ofrecendo ademáis un punto de encontro entre eles. O certame desenvolveuse con axilidade, xa que cada parella tiña un tempo máximo de cinco minutos para actuar. Pouco antes das oito, o xurado (formado por Arturo Lamas, Fernando Dopico e Andrés Tojeiro) retirouse a deliberar mentres o sexteto ferrolán De Xirité entretiña a un público moi animado e que enchía o salón de actos. Tras o fallo, os catorce rapaces tocaron xuntos a muiñeira A Camposa.

 

Desde o Toxos amosáronse moi satisfeitos pola resposta obtida nesta primeira convocatoria, e "emocionados" ante o calor dos espectadores que asistiron ó certame. "Para Ferrol e para Galicia, o Toxos é unha entidade cultural, e queremos facer, coma hoxe, que os nosos mozos poidan seguir o traballo de toda esta xente que temos detrás de nós dende 1914", apuntou Eliseo Zaera, presentador do Concurso.

O Toxos convocou tamén un Certame de Baile Tradicional, que se celebrará no Jofre o 7 de xaneiro. O prazo de inscrición está aberto ata o 23 de decembro.