Calendario Actuacións

Agosto 2017 Setembro 2017 Outubro 2017
Mo Tu We Th Fr Sa Su
Week 35 1 2 3
Week 36 4 5 6 7 8 9 10
Week 37 11 12 13 14 15 16 17
Week 38 18 19 20 21 22 23 24
Week 39 25 26 27 28 29 30

Colaboran

 

 

Síguenos en

Currículum
Arquivo - Historia

 

     O Coro "Toxos e Froles" tivo a súa orixe no seo da ferrolá orquesta de pulso e púa "Airiños d'a miña terra", cando o presidente désta, o Xeneral do Corpo de Enxeñeiros Andrés Avelino Comerma y Batalla, xestionou unha xira por Cataluña en Xuño de 1907. Esta orquesta de corda, cunha grande raigame na cidade de Ferrol, viaxou acompañada por un coro típico galego, debidamente uniformado cós traxes rexionais, integrado por 19 coristas, un gaiteiro (Manuel Lorenzo Barja), un tamborileiro e dúas parellas de baile.

 

     A finais de 1914, por iniciativa do gaiteiro Manuel Lorenzo Barja, operario do Taller de Forxa do Arseal, xunto con Luis Amor Soto, oficial de Infantería de Mariña retirado, e revisteiro do Arseal, empézase a darlle forma ó nacemento dun Coro Galego na Cidade de Ferrol, nun primeiro momento denominado Coro Feijóo "Toxos e Froles", rendindo homenaxe ó iniciador dos coros galaicos, D. Perfecto Feijóo y Poncet, o "Gaiteiro do Lérez", amigo persoal de Manuel Lorenzo, e o que lle impulsa a levar a cabo este proxecto. Así, comenzan a ensaiar no local de "Airiños d'a miña terra", e os domingos no Teatro "Romea".

 

     O Toxos toma forma definitiva cando o Goberno Provincial refrenda o Regulamento polo que se rexiría no futuro, o 30 de xaneiro de 1915.

 

     O "Toxos e Froles" levou a cabo a súa primeira actuación no Teatro Jofre de Ferrol, o 29 de maio de 1915, baixo a dirección de Lorenzo Barja. Nun principio, a entidade estaba formada exclusivamente por homes.

A noite da representación fixo a súa intervención a Orquestra do Teatro Jofre e a Orquesta "Airiños da miña terra", coma entidades convidadas.

     O Cadro de Declamación pertencente á colectividade folklórica interpretou o esbozo de zarzuela titulado "O zoqueiro de Vilaboa".

     Mais será o Coro o encargado de remata-lo acto, coa interpretación das seguintes obras:

  • Rianxeira (foliada)
  • Pastoriza (alalá)
  • Alalá das Somozas
  • Cantigas d'Ourense
  • Alalá das Mariñas
  • Foliada d'a Montaña

     Fóra de programa, e xunto coa Orquesta, interpretou a obra "Meus Amores".

     Dende entón, as súas actuacións poden contabilizarse por centenares, destacando entre éstas as que levou a cabo en beneficio de persoas e causas, de xeito totalmente desinteresado.

 

     O día 8 de agosto de 1915, o colectivo departamental interpretou por vez primeira o Himno Galego, xunto coa Coral "El Eco", de A Coruña, ó rematar un concerto benéfico na cidade herculina.

 

     O día 6 de Decembro de 1920 levarase a cabo a primeira actuación do Coro na que se incorporan as voces de mulleres.

 

     Dende 1917, coincidindo có segundo aniversario da presentación en público, a entidade faise acompañar en todo acto oficial por unha bandeira, que é a galega: branca cunha franxa azul celeste que a cruza de esquerda a dereita e de arriba a abaixo, na que figura o escudo e a inscripción Coro "Toxos e Froles" 1915. Esta primeira bandeira foi bordada por Elvira Alberto (mestra da Escola de Artes e Oficios de Ferrol), e foi entregada o día 28 de Maio no Teatro "Jofre" polo poeta ourensán Antonio Rey Soto. Dende aquela data, tres insignias máis forn substituídas polo deterioro do uso; nelas, precedía ao texto o título de Real. A segunda data de 1957, a terceira de 1973, e a cuarta -e vixente- de 1993.

 

     A primeira gravazón en discos fíxose en 1922; o catálogo integráronno dezanove temas populares, que foron dirixidos por Manuel Lorenzo, e o Himno Galego, en versión íntegra, baixo a dirección de Darío Pazos Cagide.

     Corenta anos máis tarde, en decembro de 1962, a súa arte foi recollida en catro discos sinxelos que contiñan 15 obras populares e orfeónicas, conducidas artísticamente por Gumersindo Leira Rivas.

     En decembro de 1970, deixou impresos dous LP's que albergaban 12 cancións cada un, baixo a dirección de José Pastor Soler.

     Entre finais de novembro e principios de decembro de 1979, rexistrou un LP con dez obras, dirixidas por Manuel Fontao Cabarcos.

     Un novo disco data de abril de 2000; trátase dun compacto no que, ademáis da masa coral, conducida por Manuel Amorós Romero, recóllese a arte doutras seccións do Toxos, como o Grupo de Cantareiras "Gradaílle", dirixido por Maite López Blanco, e a Banda de Gaitas "Terra de Trasancos", baixo a dirección de Manuel García Pereira.

     No ano 2007 rexistrouse unha nova gravación da masa coral, dirixida por Manuel Amorós, con 14 temas do repertorio, baixo o título xenérico de "Camiño do Centenario 1914 - 2007".

     No 2008 publicouse un segundo volume de "Camiño do Centenario", no que participaron as seccións de Banda de Gaitas, Cantareiras e Cuarteto do Grupo de Baile Tradicional.

 

     "Toxos e Froles" ostenta o título de Real dende o 1 de febreiro de 1928, outorgado por S.M. El Rei Don Alfonso XIII, despois de que a colectividade actuara ante os monarcas o 23 de setembro de 1927, no pazo dos Duques da Conquista. SS.MM. aceptaron compracidos a Presidencia de Honra da entidade decana.

 

     Entre as decenas de distincións que o "Toxos e Froles" ten no seu haber, son dignas de mención a de "Socio de Mérito" do Centro Gallego de Madrid, concecida o 22 de Maio de 1918; "Medalla al Mérito" de Gijón; "Batuta de Oro" del Orfeón Catalá y "Barretina de Oro" de los Coros Clavé de Barcelona, en 1934; "Cruz do Mérito Naval", outorgada pola Mariña de Guerra en 1941; "Medalla de Ouro" da Asociación Nuestra Señora de Chamorro, en 1964; "Medalla de Prata" da Cidade de Ferrol, en 1976; "Medalla de Prata" da Provincia de A Coruña, en 1987; e a "Medalla de Ouro" de Galiza, en 2005; "Ferrolán do Ano 2005"; "Medalla de Ouro Marcial del Adalid" da Real Academia Galega de Belas Artes, en 2006; "Premio á Música" 2006 da S.A.F.; "Medalla de Honra do Gaiteiro de Soutelo", en 2006.

 

     Personalidades de todo ámbito teñen no seu haber os máis de cen títulos honoríficos concedidos pola agrupación folklórica. Ademáis de Don Alfonso XIII e Doña Victoria Eugenia, da longa lista merecen ser citados Don Juan Carlos de Borbón e Dona Sofía de Grecia, Reis de España (1980); Perfecto Feijóo y Poncet, farmacéutico e impulsor dos Coros Gallegos (1919); Felipe Bello Piñeiro, pintor (1928); Francisco Iglesias Brage, aviador (1934); Constantito Lobo Montero, Xeneral do Exército e Presidente dos Centros Galegos de España (1955); Francisco Núñez Rodríguez, Almirante da Armada (1968); José María González-Llanos y Caruncho, Director da Constructora Naval (1974); Arturo Souto Vizoso, Sacerdote e Cronista Oficial do Coro (1980); Francisco Giner Mato Lorenzo, Presidente (1989), etc...

     Asemade, nove personas están e posesión da Medalla de Ouro instituida pola entidade folklórica, que leva anexo o título de "Bó e Xeneroso"; entre eles, cabe salientar ó gaiteiro fundador Manuel Lorenzo Barxa; ós coristas co-fundadores Gonzalo Moreno Fernández e José Area Carregado; ó primeiro Secretario e Secretario Perpetuo Luis Amor Soto; e ao corista decano José Manuel Cebral Collado.

     A sociedade coral ferrolá contribuiu para a erección dun monumento ós mariños mortos en Cuba e Cavite, en 1921. No ano 1932, promoveu a escultura adicada á ilustre penalista ferrolá Concepción Arenal, ata que a estatua foi inaugurada en 1987. Dende 1940 ata 1943, levou a cabo unha serie de festivais en diversas cidades galegas pro bandeira de combate do cruceiro "Galicia".

     A arte do ente folklórico departamental percorreu as catro provincias galegas; moitas cidades e poboacións de España; en Europa: Portugal -localidades como Vila do Conde son visitadas anualmente dende 1958-, Francia, Suiza, Inglaterra e Milán; en en Latinoamérica, México e Cuba. A entidade logrou o recoñecemento de crítica e público en Festivais como o Intercéltico de Lorient (Francia), en 1980; o Folklórico da Emigración en París, en 1982; e a Romería Española en Aylesford (Londres), en 1987.

     Na traxectoria artística do Real Coro "Toxos e Froles", incontables foron os premios acadados pola Masa Coral e Corpo de Baile. Entre eles baste citar o 1º Premio no Certame de Coros Galegos de Ourense, en 1917; o 2º Premio no Concurso Rexional de Coros de Ourense, en 1955; outro 2º Premio na I Xornada de Folklore de Santiago de Compostela, en 1969; o 1º Premio nas III Xornadas, en 1971; o 3º Premio no Festival Folklórico de Alcázar de San Juan, en 1974; outro 1º Premio nas Xornadas Folklóricas da Cidade de Ourense, en 1979; 3º Premio no Festival Internacional de Torremolinos, en 1992, etc...

 

     Despois dunha traxectoria ininterrumpida de máis de nove décadas, a Masa Coral está na actualidade dirixida por Manuel Amorós Romero, e está conformada por 45 coristas.

     Outras sección que forman parte da gran familia do Toxos, e que á súa vez van acompañadas polas respectivas Escolas correspondentes, son o Grupo de Instrumentos Tradicionais "Manuel Lorenzo", o Grupo de Baile Tradicional "Perfecto Feijóo", o Grupo de Cantareiras "Gradaílle", o Grupo de Teatro, a Orquesta de Pulso e Púa "Airiños da Miña Terra", a Escola de Palilleiras e Bordadoras "Elvira Alberto".

 

     Dentro das datas sinaladas para o Toxos, ten especial interese o 1 de Marzal de 1997, cando se produce a presentación do libro "Manuel Lorenzo Barxa (1878 - 1959): un gaiteiro ferrolán á antiga usanza", escrito por Fernando Dopico Blanco e María Santiso Medín. Esta biografía vai servir para relanza-la figura do gaiteiro fundador e dala a coñecer no resto de Galiza.

     Outra publicación importante é a que se produce o 7 de febreiro de 2003,. cando sae á luz un historial que abrangue dende finais de 1914 ata decembro de 2000, editado -en dous volumes- pola Excelentísima Diputación de A Coruña, e do que foi responsable Juan José Rodríguez de los Ríos.

 

     O Real Coro "Toxos e Froles" ten instituido o Premio "Manuel Lorenzo Barxa", consistente nunha figura que representa ó gaiteiro fundador da entidade, e que se outorga anualmente a entidades ou persoas que teñan destacado polo seu traballo a prol do folklore e da cultura galega. Están en posesión deste premio a Coral "De Ruada" de Ourense, o Coro "Cántigas da Terra" de A Coruña, Sr. D. Faustino Santalices e a Agrupación "Ultreia" de Santiago, entre outros.

     Tamén ten o Toxos instituído o premio literario "Letras de Bretaña" e as "Medallas do reino de Merlín", que se entregan anual e alternativamente en Ferrol e Mondoñedo, para agasallar a persoeiros do mundo das letras que teñan destacado pola súa divulgación e potenciación da "terceira Bretaña", a Galiza do Norte.

 

     A nova sede social, inaugurada o día 4 de novembro de 2005, está na rúa Magdalena, número 220, de Ferrol (A Coruña).

 

      En setembro de 2010, o Real Coro "Toxos e Froles"  acada o I Premio Xabier Prado "Lameiro", concedido pola Coral "De Ruada" de Ourense, para recoñecer o traballo desinteresado e o compromiso en pro da recuperación e mantemento da cultura galega, en galego, e dende unha perspectiva popular a través da música e polifonía galegas.

 

     Dende o 4 de febreiro de 2010, o Real Coro "Toxos e Froles" está rexido por una Xunta Directiva presidida por Arturo Lamas Braña.